martes, 31 de marzo de 2015

Pechar portas, abrir ventás


Compartimos a mensaxe do noso compañeiro Manuel Troncoso



A miña despedida de EU:

Non me gustan as despedidas. Nunca me gustaron. Pero hai momentos na vida nos que un ten que tomar decisións, pechar portas, abrir ventás, empezar unha viaxe nova, aventurarse por un camiño novo, soltar amarras,….despedirse…

Hai anos comprometinme cun proxecto ilusionante, cunhas persoas loitadoras, con gañas, con esforzos, ….pensei sinceiramente que seguiría aí durante moito, moito tempo…Pero os tempos que vivimos cambian a unha velocidade que non permite a calma, porque pode transformarse perigosamente en parálise… Esa velocidade, eses cambios que asustan, que descolocan, non poden conseguir que perdamos o norte nin que esquezamos os motivos REAIS e os obxectivos REAIS que nos levaron a entrar en política; cada un terá os seus pero os meus neste momento lévanme a outro lugar, lévanme á confluencia, lévanme a xuntar forzas comúns para poder por fin acadar esa meta común que levamos perseguindo durante tanto tempo e que, agora, por primeira vez REAL, está ao alcance da man. Non podo, non quero, non debo deixar pasar este tren ; agora a esquerda está forte, está organizada, o único que precisa é estar unida….iso xa é máis complicado…pero non imposible.
Estou convencido de que chegou a hora na que podemos colocar ás persoas por diante dos intereses; ás prioridades por diante dos interesados; ás ideas por diante dos nomes.

Quero despedirme dando as grazas: aos que traballaron comigo neste tempo; aos que me acompañaron crecendo políticamente; aos que creron en min;….aos meus compañeiros e compañeiras de EU, que seguirán sendo os meus compañeiros, que formarán parte sempre do que son; ás persoas honestas e loitadoras que defenden as súas ideas , que antepoñen a súa loita política e social a calquera outra cousa.
Hoxe os nosos camiños sepáranse….oxalá non fose así….oxalá non tivese que ser así. Pero estou seguro de que volveremos atoparnos, que volveremos ser capaces de confluir, de loitar polo que nos une e deixar de lado o que nos distancia.

O meu avó ensinoume que é de ben nacido ser agradecido e que un cabaleiro non marcha de ningures sen despedirse. E iso estou facendo: despedirme e agradecer.
A vida está feita de ciclos que empezan e acaban. E así é como imos aprendendo, como imos medrando; polo menos así é como o fago eu.

Non sei se decir que ¨son un comunista hormonal¨, como dicía Saramago, pero o que si vos digo é que vou seguir loitando, poñendo todo o meu empeño, todas as miñas forzas para conseguir o que dixo o Ché: ¨Sexamos realistas e fagamos o imposible¨.

Saúde , saúdos e República.

Ningún comentario:

Publicar un comentario