xoves, 21 de maio de 2015

Propostas educación


Aqui vos presentamos unha serie de propostas de educación formuladas polo noso candidato a alcaldía Manuel Troncoso:

INTRODUCCIÓN

1. NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA.
2. CONSELLO ESCOLAR MUNICIPAL.
3. COORDINACIÓN ENTRE AS CONCELLERÍAS E CANLES DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ.
4. DESEÑO DOS MAPAS ESCOLARES.
5. MANTEMENTO DOS CENTROS ESCOLARES.
6. UTILIZACIÓN DOS CENTROS ESCOLARES.
7. ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS.
     a. Comedores escolares.
     b. Actividades extraescolares
     c. Actividades de conciliación en períodos non lectivos
8. ATENCIÓN SOCIAL Á INFANCIA, COORDINADA COS SERVIZOS EDUCATIVOS
COMPLEMENTARIOS.
9. ACTIVIDADES CULTURAIS: AS ESCOLAS DE MÚSICA.
10. EDUCACIÓN AMBIENTAL.
11. ACCESIBILIDADE DAS DOTACIÓNS COMUNITARIAS.
12. A INTEGRACIÓN DA OFERTA FORMATIVA COA REALIDADE LABORAL E
ECONÓMICA.
13. DEPORTE E INSTALACIÓNS DEPORTIVAS
14. ORGANIZACIÓN DO TRÁFICO. NOMEADAMENTE ENTRADA E SAÍDA DOS
CENTROS ESCOLARES.
15. CIDADE INFORMADA.
16. CIDADE EDUCADORA.




INTRODUCCIÓN


Dentro de pouco hai eleccións municipais, imos escoller quen vai gobernar os nosos concellos e imos
decidir cal das propostas que nos presenten é a que cremos máis acaída aos nosos intereses
colectivos, como cidadáns, como usuarios e, cal é o noso caso, como familias con fillos en idade
escolar.

O goberno do Concello ten nas súas mans a administración máis achegada á realidade cotiá, a que
máis nos afecta; pero tamén ten o potencial de traballar coas outras administracións públicas para
axilizar a relación da cidadanía con institucións moitas veces arredadas ou dificilmente accesíbeis.Por iso, queremos facer un catálogo de intencións, isto que logo explicaremos é o que desexamos que
sexa compromiso de calquera partido ou formación que pretenda gobernarnos, e proxecto e actuación
dos que gañen as eleccións.

Nós queremos un goberno municipal que defenda o ensino público, que poña ao seu servizo os seus
recursos e esforzos, mais aló de resultados inmediatos e de rendas electoralistas. Que entenda o
ensino como un instrumento esencial ao servizo dunha sociedade galega democrática, igualitaria,
inclusiva e participativa, en definitiva dunha sociedade mellor para todos e todas.

Tamén desexamos ter no Concello o único lugar a onde ir para solucionar os nosos problemas e para
aportar as nosas propostas, para o que directamente lle competa, e tamén para o que deba ser tratado
noutros ámbitos, porque entendemos que a administración municipal pode ser unha excelente
transmisora e centralizadora de demandas cidadás. De feito, unha das constantes da actual
organización administrativa é a permanente discusión de competencias entre as diferentes
administracións; aí é onde entendemos que o Concello debe ter unha postura aglutinadora, en
ámbalas dúas direccións, de tal xeito que poidamos avanzar con máis axilidade na resolución de
problemas.

Queremos salientar dun xeito específico a necesidade de que a administración competente, cal sexa,
aproveite o inmenso capital existente no asociacionismo vinculado ás necesidades especiais, á
discapacidade, porque todas esas asociacións, que dispoñen dunha experiencia necesariamente
aproveitable, deben estar chamadas a colaborar dun xeito activo na vida cotiá, e moi sinaladamente
nos centros escolares: apoiamos o establecemento de convenios, ou plans de colaboración, con este
tipo de asociacións, e a ampliación da súa presenza na vida ordinaria dos centros escolares, para
impulsar a inclusión real das persoas afectadas dun xeito directo ou mediante a formación do
profesorado ou dos coidadores. E pensamos que os Concellos poden e deben ter a iniciativa de
presentar diante da Xunta de Galicia a necesidade desta participación, e/ou incentivala eles mesmos
nos casos en que o ámbito de actuación así o aconselle.

Por iso queremos presentarvos o que nós entendemos que debe facer un Concello Galego nunha
enumeración con pretensión de importancia, pero por suposto non excluínte.

1.NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA


Os Concellos teñen que ser os primeiros defensores da nosa lingua; e queremos que o galego estea
presente en todas as accións postas en marcha pola administración local, pero tamén nas contratadas
ou apoiadas por esta, aínda cando se desenvolvan por empresas privadas, e nomeadamente canto
esteamos a falar de accións, programas ou campañas dirixidas aos escolares e/ou desenvoltas nos
centros educativos.

Pensamos que o Concello ten que ser espello onde se mirar para a normalización do uso da nosa
lingua, sen facer dela un uso ritual, senón dándolle presenza cotiá nas relacións coa cidadanía.

2. CONSELLO ESCOLAR MUNICIPAL 


A súa definición legal dinos que son“os órganos de consulta e participación dos sectores afectados na
programación do ensino non universitario e na planificación dos centros escolares no ámbito
municipal”.

Nós queremos que este órgano gañe en presenza na vida ordinaria do Concello, que se lle dea
visibilidade diante da Comunidade Educativa, e mesmo de toda a cidadanía, e que as súas
conclusións sexan valoradas e utilizadas; e que iso implique a súa convocatoria ordinaria polo menos
ao comezo e ao final de cada curso escolar, e a extraordinaria sempre que as circunstancias
educativas do concello así o aconsellen.

3. COORDINACIÓN ENTRE AS CONCELLERÍAS E CANLES DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ


É necesaria unha coordinación entre concellerías para realizar un traballo eficaz e efectivo, que evite
duplicidades e que sexa completo.

Obviamente, esta coordinación é precisa a todos os niveis, pero vólvese máis necesaria cando os
destinatarios son todos os nenos e nenas do Concello, vivan onde vivan dentro do termo municipal;
ou cando os temas que se tratan teñan unha forte compoñente de transversalidade, cal pode ser o caso
da atención á diversidade funcional.

E nesa coordinación entendemos que é necesario que o cidadán, ademais das súas posibilidades
asociativas particulares, teña diferentes opcións organizadas de colaboración, expresión de opinión, e
achegamento de ideas.

Estas opción vémolas como especialmente importantes, novamente sen ánimo de ser exhaustivos, en
áreas moi concretas e que darían lugar, ou potenciarían, á órganos do tipo de:

• Consello municipal de Normalización Lingüística.
• Consello municipal de Accesibilidade
• Consello municipal de Deportes
• Consello municipal de Transportes.

4. DESEÑO DOS MAPAS ESCOLARES 


O concello debe traballar na actualización constante do mapa escolar, de xeito que poida anticiparse aos incrementos/diminucións da poboación escolar froito dos cambios demográficos, para adecuar á oferta de prazas á demanda das familias, posibilitando que todos os nenos e nenas teñan unha praza nun centro de ensino público, que se poida prever a ampliación de espazos e a modificación de uso dos xa existentes e mesmo que existan unha previsión baseada na experiencia e no estudo sobre as vacantes normalmente demandadas no medio do curso escolar.

Neste eido, é moi importante evitar os “colexios refuxio” para determinadas problemáticas, se queremos que o ensino público reflicta a sociedade, para que os nenos e nenas poidan vivir nel do mesmo xeito que viven e vivirán fóra, en todos os colexios ten que haber todo tipo de nenas e nenos, e en todos deben incorporarse con normalidade á comunidade educativa.

Da mesma maneira, é moi importante a normalización do alumnado na súa zona de influencia, así
como que os colexios teñan as dimensións, espazos e servizos axeitados ás necesidades educativas
internas; a confluencia de ámbalas dúas ideas será a construción de cantos centros sexan precisos
para que todos os nenos habiten en colexios de similar tamaño e características, o que afondará na
igualdade do ensino e da convivencia impartidos.

E por suposto, o Concello debe ser o interlocutor coa administración autonómica para a ampliación e
construción de novos centros cando así se requira.

5. MANTEMENTO DOS CENTROS ESCOLARES


Os concellos deben ter elaborada unha avaliación das instalacións escolaresque sexan da súa
competencia, unha avaliación que dea lugar ao coñecemento das necesidades presentes, e ao
adiantamento das necesidades futuras, e que traia como consecuencia a elaboración dun calendario
de actuacións tendentes á conservación do centro en condicións dignas e saudábeis, así como á
reclamación á Xunta de Galicia das actuacións que lle competan e que sexan precisas para esa
conservación.

Tamén é preciso que acometan, nos centros da súa competencia, o mantemento periódico das
instalacións escolares que permita o seu correcto funcionamento ao longo de todo o ano,
anticipándose ao deterioro mediante a prevención e a planificación das situacións cotiás derivadas da
climatoloxía e o uso ordinarios, falamos de sistematizar as limpezas dos caneiros, o mantemento das
zonas axardinadas, a pintura de fachadas e valados ou calquera outra actuación que poida ser
planificada con antelación.

Por suposto, deben tamén atender ao mantemento puntual de todas as deficiencias que xurdan no día
a día, e esa atención debe estar organizada seguindo un procedemento claro, rápido e sinxelo, e que
permita realizar un seguimento do proceso e da correcta reparación da avaría.

Neste senso, reclamamos como un punto especialmente sensible, o tratamento dos parques infantís
interiores dos colexios de infantil e primaria como se fosen parques públicos, cun mantemento
sistemático e unha vixilancia constante.

Entendemos como un punto destacable, que os concellos deben prestar atención prioritaria a aquelas
avarías ou eivas que afecten á seguridade dos cativos e cativas, traballando non só na reparación das
avarías que poidan xurdir, senón mesmo na erradicación das múltiples realidades existentes que
impliquen un certo factor de risco, zonas esvaradías, pavimentos incorrectos, espazos non
iluminados, elementos con risco de choque, diferenzas abruptas de nivel, etc.

6. UTILIZACIÓN DOS CENTROS ESCOLARES


Os centros educativos, como institucións públicas, non deben permanecer en desuso fora do horario
escolar e das actividades desenvolvidas polas ANPA;propoñemos que se establezan mecanismos e
procedementos para promover e potenciar o seu uso, estendendo esta oferta ao resto da sociedade.
Calquera colexio é un potencial contedor de actividades sociais, lúdicas ou deportivas, é un
desperdicio que a súa utilización se limite ao período lectivo no canto de aproveitarmos deses
espazos para o servizo de todos, o que tamén é unha maneira de potenciar a convivencia e a
comunicación entre a veciñanza.

Propomos que sexa a administración municipal quen dispoña e coordine a utilización dos centros
educativos, previa modificación legal se fose necesario, e asumindo esta administración os custos
íntegros de mantemento deses centros fóra do seu uso lectivo.

Evidentemente, a utilización dun centro escolar para fins alternativos non pode resultar un obstáculo
para o seu uso educativo; é precisa unha coordinación permanente e unha priorización constante a
favor dese uso; pero consideramos que cabe simultanear diferentes utilidades no mesmo espazo para
favorecer un mellor uso das dotacións públicas.

Nesta liña demandamos a adecuación do horario habitual dos centros á actividade da comunidade
educativa, nomeadamente no caso dos IES, nos que é oportuno que, os días da semana nos que haxa
actividade lectiva de mañá e tarde, permanezan abertos ao mediodía.

7. ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS


a. Comedores escolares:

Naqueles que xestionen este servizo contratándoo a empresas de servizos, entendemos que debe
existir pola súa parte un seguimento efectivo desas contratacións, unha vixilancia do cumprimento
das condicións do contrato, e unha implicación directa no que atinxe a:
• Utilización de produtos de proximidade.
• Control de calidade e cantidade dos menús.
• Potenciación da aprendizaxe de hábitos saudábeis.
• Control da profesionalidade dos monitores-as
•Diminución dos rateos monitor/alumno ata 12 nenos-as / monitor-a no caso de nenos de ata
seis anos, e 15 a partires de aí; con atención personalizada ás necesidades especiais.
•Elaboración dun proxecto educativo.
•Simplificación dos trámites de inscrición e comunicación familia-concello ou familia-
empresa adxudicataria.
•Planificación dos espazos necesarios para que todos os nenos e nenas teñan unha praza de
comedor nos seus centros escolares, eliminando quendas múltiples e instalacións non axeitadas.

b.Actividades extraescolares:

Queremos implicarmos na programación de actividades extraescolares nos centros educativos, en
horario non lectivo, ata as sete da tarde, e con carácter de permanencia e universalidade. Trátase de
ofertar un catálogo amplo e non convencional de actividades durante as tardes dos días lectivos; non
se trata unicamente de solucionar a problemática de conciliación da vida laboral e familiar, senón
mesmo de programar e desenvolver actividades que promovan a seguridade cidadá, protección de
incendios ou seguridade viaria, e mesmo de incluír outras centradas na integración e igualdade,
dereitos sociais, coñecemento de institucións, concienciación ambiental, xestión de residuos,
responsabilidade no ciclo da auga, aforro de enerxía ..., sen abandonar as actividades culturais
(teatro, música, tradición ...), ou deportivas.

c.Actividades de conciliación en períodos non lectivos:

Deberiamos ter unha oferta estable de actividades de conciliación durante todos os períodos de
vacacións, Nadal, Entroido, Semana Santa e o Verán; unha oferta que permita ás familias manter o
seu ritmo laboral, e que permita aos nenos e nenas gozar destes períodos nun ambiente de lecer.

É fundamental que esta oferta exista, e tamén que se coñeza coa suficiente anticipación, debería ser
parte dunha programación anual, estar situada en diferentes lugares do Concello para atender a toda a
poboación; e debería ser única, coordinando a acción das diferentes concellerías para presentar unha
oferta unificada.

8. ATENCIÓN SOCIAL Á INFANCIA COORDINADA COS SERVIZOS EDUCATIVOS COMPLEMENTARIOS


Garantir a igualdade entre nenos e nenas implica entroutras accións, manter “invisibles” os medios
que a fan efectiva, por iso pensamos que o labor social dos Concellos debe ter un capítulo económico
diferenciado para que os nenos e nenas que proveñan de familias desfavorecidas, sexa pola causa que
sexa, poidan incorporarse con naturalidade na vida educativa, sen ver entorpecida esa incorporación
pola mala, ou atrasada, xestión dos fondos destinados a fins sociais. Por iso esiximos una política de
bolsas eficaz, discreta e exenta de publicidade.

Evidentemente, defendemos que os servizos educativos complementarios forman parte do ensino
obrigatorio, e que en consecuencia deberan ser gratuítos para dar así cobertura á obriga
constitucional do art. 27.3 da Norma Fundamental; e nesa liña pensamos que o Concello deberían
traballar no horizonte duns comedores gratuítos e universais, así como unhas actividades
extraescolares do mesmo carácter.

9. ACTIVIDADES CULTURAIS: AS ESCOLAS DE MÚSICA


Novamente a pretensión é que esas escolas non funcionen de costas ao resto da realidade social; as
súas actividades deberían estar coordinadas cos centros educativos, tendo unha programación
organizada a medio prazo que responda ás demandas dos veciños no senso de ofertar un contido de
continuidade e de favorecer a aprendizaxe e o coñecemento da música entre os nosos nenos e nenas.

10. EDUCACIÓN AMBIENTAL


É desexable que o día a día nas escolas sexa un modelo de boas prácticas respectuosas co medio
ambiente, que favorezan o uso racional dos recursos, sempre limitados, e un estilo de vida saudable e
sostible. A administración local debe pór ao servizo dos centros escolares, recursos, medios e persoal
para facelo posible, a través de accións coordinadas cos propios centros.

Nesta liña, queremos que dende a Administración local se utilicen espazos dispoñibles nos centros
escolares, ou nas súas inmediacións, para dedicalos a horta, pequeno invernadoiro ou xardín, para o
seu emprego como recurso educativo dos centros.

E queremos tamén que os centros se doten con colectores para a separación de residuos, e para a
compostaxe; e de fontes de auga potable que contribúan á redución dos residuos plásticos.

Tamén consideramos interesante que esta mesma política de utilización de espazos públicos se
aplique ao que agora se denominan “hortas urbanas”, ampliando a súa finalidade actual para incluír o
seu valor educativo e formativo na organización de actividades extraescolares que aproveiten estes
recursos como exemplificación do que pode ser unha utilización correcta da natureza.

Demandamos tamén que se favoreza a realización de xestións co concello (matrícula en servizo de
comedor, programas de conciliación..) a través da web, o que non só resulta moito máis acaído para
moitas familias, senón que ao tempo reduce o emprego de papel e os desprazamentos innecesarios.

11. ACCESIBILIDADE DAS DOTACIÓNS COMUNITARIAS


O concello debe elaborar un catálogo de actuacións tendente a conseguir unha total accesibilidade
dos espazos de uso común, e falamos tanto dos puramente escolares ou deportivos, como das
bibliotecas, centros socioculturais, tránsito urbano, etc.

Pretendemos que a nosa vila estea dotada de ramplas, baños adaptados, sinais luminosas e acústicas,
pictogramas, parques de xogo accesíbeis e elementos accesíbeis en todos os parques de xogo, e todos
aqueles elementos que actúen en favor da inclusión; pero sobre todo queremos que exista unha
conciencia pública sobre accesibilidade que condicione todas as actuacións da administración municipal tanto nas obras que faga como nas que autorice ou manteña, e por suposto que se complemente cunha planificación de mellora das infraestruturas existentes.

12. A INTEGRACIÓN DA OFERTA FORMATIVA COA REALIDADE LABORAL E ECONÓMICA.


Malia que nós entendemos a función do ensino público encamiñada á formación integral do
individuo en cando persoa, sabemos que desa formación vai depender tamén non só a súa integración social, senón mesmo a súa futura capacitación laboral; por iso consideramos que cando o ensino xa está orientado á formación específica, nomeadamente no caso da formación profesional, é importante que a oferta que se realice dende os centros escolares estea organizada concordando coas demandas
económicas e laborais da contorna, consideradas tanto dende o punto de vista do afianzamento e
prestixio da tradición local, como dende unha futura inserción laboral en proximidade. Pensamos
que é labor do concello a demanda ás autoridades educativas dunha oferta que contemple esas
variables.

13. DEPORTE E INSTALACIÓNS DEPORTIVAS


Defendemos que o concello debe traballar na promoción do deporte de base, dun xeito coordinado
cos centros escolares e introducindo transversalmente estas actividades dentro da programación de
actividades extraescolares. Un deporte ao servizo da inclusión e a igualdade, que promova as
relacións entre nenos e nenas, o compañeirismo, o traballo en equipo e a respectuosa competitividade
saudable.

Defendemos a necesidade dunha dotación adecuada das instalacións deportivas municipais
(canastras, redes bolea, material deportivo..) que facilite a realización de deportes colectivos e
individuais; e entendemos que esta dotación inclúe a reparación e mantemento dos pavillóns, a
construción de novas instalacións naquelas zonas que non posúan dotación abonda, e tamén a súa
utilización fóra dos períodos nos que non haxa actividade escolar ou competitiva.

Parécenos de grande importancia a organización de actividades e eventos deportivos nos que poidan
participar tamén nenos e nenas con diversidade funcional; rompendo a concepción da práctica do
deporte encamiñada ao logro dunha marca persoal para devolvelo ao seu carácter de xogo colectivo.
Nesta mesma liña, reclamamos se amplíen as prazas destinadas a nenos e nenas con necesidades
específicas de apoio educativo, e que nesas piscinas haxa monitores especializados para estes nenos-as, que teñan unha formación específica que lles forneza de ferramentas válidas para se comunicar
con eles.

14. ORGANIZACIÓN DO TRÁFICO. NOMEADAMENTE ENTRADA E SAÍDA DOS CENTROS ESCOLARES


Como concepto xeral, queremos que se incrementen as prazas de aparcamento reservadas para persoas con mobilidade reducida, mellorando as condicións de acceso e a sinalización das existentes, e incrementando o control sobre o estacionamento nas mesmas.

Tamén é importante que todos os discapacitados que o precisen dispoñan da tarxeta de
estacionamento nestas prazas, independentemente da idade que teñan, porque no caso dos moi novos,
non son eles pero si a súa familia quen precisa desta tarxeta.

Pretendemos que o concello teñan plans de tráfico adaptados ás realidades dos colexios, que regulen
as necesidades de aparcadoiro e estacionamento, e o movemento de vehículos e persoas ás entradas
e saídas dos nenos e nenas nos centros escolares.

Para o anterior é preciso non só a reordenación dos espazos urbanos, senón a disposición de policía
municipal, e mesmo a realización de campañas de concienciación para fomentar o tráfico peonil.

15. CIDADE INFORMADA


Os veciños temos dereito á información, é peza fundamental na programación da vida cidadá; pouco
importa o que se faga se a veciñanza non é consciente do que se está a facer.

Por iso queremos que a administración municipal dedique esforzos e tempo á información, para que
os veciños dispoñamos dunha ferramenta de doado acceso e constantemente actualizada, un único
portal, onde poder coñecer todo o que está a ocorrer na nosa vida diaria, independentemente de quen
sexa a administración ou empresa que estea actuando.

16. CIDADE EDUCADORA


E rematamos cunha proposta dentro da que cabe todo o que se dixo, e que podería tranquilamente
estar no primeiro lugar das nosas proposicións; porque entendemos que a cidade, ou o pobo, debe entenderse como recurso educativo ao servizo dos veciños, nomeadamente dos cativos e cativas, e
isto concretámolo en facer unha contorna:

•Inclusiva: accesibilidade física (ramplas, beirarrúas anchas, zonas de paso para peóns, consideración das necesidades dos carriños, cadeiras de rodas, parques infantís adaptados...), visual
(pictogramas, sinais luminosos...), auditiva (coa axuda de sinais acústicas indicativas de paso, e coaintegración de sistemas de conexión nos espazos públicos para as persoas que utilicen próteses
auditivas ...)
•Cidade sostible: como aquela que recupera e potencia a vida dos seus habitantes favorecendo o respecto da contorna natural, a cohesión social, e educación para a paz e a integración cultural.
•Cidade democrática: establecendo procedementos e canles de participación cidadá dun xeito permanente e organizado.
•Cidade dos nenos e nenas: recuperando o espazo público para os cativos e cativas e
facilitando a súa integración na sociedade.

Podemos poñer varios exemplos do que entendemos por unha política neste eido:
•accións como os programas “camiñando ao colexio”, promovendo os itinerarios seguros aos
centros escolares que favorezan o desprazamento autónomo a pé.
•Programas que favorezan as relacións interxeracionais, entre as persoas maiores e os máis
novos, potenciando a presenza duns no espazo cotián dos outros e promovendo a aprendizaxe mutua.
•Posta en valor do patrimonio cultural e das actuacións municipais sobre deste: trátase de
considerar aos nenos e nenas dos centros públicos de ensino como os primeiros usuarios de toda a
actividade cultural do concello, favorecendo a información aos colexios e facilitando a presenza dos
escolares.


Autor: Manuel N. Troncso

1 comentario: